O PP mantén a maioría absoluta e En Marea adianta o PSdeG en porcentaxe de votos

Así e todo, PSdeG e En Marea empatan en número de deputados. O BNG mantén seis dos sete escanos que acadara nas eleccións de 2012 e Ciudadanos non entra no Parlamento

Alberto Núñez Feijóo revalida a maioría absoluta ao manter os 41 deputados que acadara en 2012. O PPdeG foi a forza máis votada nas catro provincias galegas e na maior parte dos concellos e nas sete cidades galegas. Na provincia da Coruña tivo 13 escanos, en Lugo 8, en Ourense 9 e en Pontevedra 11.

En Marea conseguiu adiantar o PSdeG en porcentaxe de voto pero quedaron igualados en escanos, teñen 14 deputados e deputadas. A candidatura liderada por Luís Villares obtivo 5 asentos por Coruña e outros 5 por Pontevedra, mentres que 2 por Lugo e outros 2 por Ourense. Ademais, foi a forza máis votada no concello de Vilar de Santos, en Ourense.

O PSdeG quedou con 14 escanos tras perder catro dende as anteriores eleccións. Malia empatar en número de deputados con En Marea, a porcentaxe de votos foi menor polo que o partido liderado por Xoaquín F. Leiceaga pasa  a ser terceira forza. O socialistas conseguiron 5 deputados pola Coruña, 4 por Pontevedra, 3 por Lugo e 2 por Ourense.

O BNG mantén 6 deputados, só perde un con respecto os anteriores comicios galegos, e mantense como cuarta forza. A candidatura encabezada por Ana Pontón obtivo dous escanos pola Coruña, outros dous por Pontevedra, un por Ourense e outro por Lugo.

Finalmente, Ciudadanos quedou fóra do Parlamento e a candidatura liderada por Cristina Losada non acadou representación.

AtrásVer versión webVolver á versión móbil