O PNV gaña as eleccións e Bildu conserva o segundo posto malia a irrupción de Podemos

O PNV volveu gañar as eleccións ao Parlamento vasco con 29 escanos, dous máis que na presente lexislatura, seguido de EH Bildu, que logra conservar o segundo posto, con 17 escanos, catro menos que nos anteriores comicios, e Elkarrekin Podemos, que irrompe na Cámara autonómica con 11 representantes, segundo os datos de máis do 99% do voto escrutado.

Os socialistas, que ata agora contaban con 16 asentos, perden sete e conservan nove, mentres o PP queda sen un escano e logra tamén 9. Ciuddadanos non consegue representación.

O PNV sería tamén claro vencedor nas tres provincias, revalidaría o seu primeiro posto en Biscaia e Álava, e en Guipúscoa superaría en parlamentarios e votos a EH Bildu, que en 2012 empatou en asentos co PNV pero superouno en sufraxios. 

A vitoria do PNV este 25 de setembro, prodúcese despois de que Podemos o adiantara en escanos e votos nas últimas eleccións xerais de xuño.

O sistema de elección do lehendakari, que impide o bloqueo político na sesión de investidura, permitirá a Iñigo Urkullu ser reelixido en segunda volta (con maioría simple) cos únicos votos da súa formación. 

En todo caso, se quere evitar gobernar en minoría, deberá chegar a acordos con outras formacións para garantir a estabilidade institucional e sacar adiante leis como a de Orzamentos. Aínda que o PNV conseguiría a maioría absoluta con calquera do resto de formacións, no últimos tres anos mantivo un acordo de estabilidade co PSE-EE, con quen tamén goberna nas tres deputacións vascas e nas capitais de Euskadi.

AtrásVer versión webVolver á versión móbil